Entremurallas é un percorrido a través da ollada tenra de María de la O Cores Lamas para adentrármonos no período en que o polifacético intelectual galego Baldomero Cores Trasmonte viviu no núm. 9 da rúa Entremurallas da cidade vella de Santiago de Compostela, etapa que abrangue principalmente o seu quefacer no intervalo de tempo comprendido entre os anos 1940 e 1962. Introducida a viaxe por unha serie de relatos orixinais de Baldomero ambientados no Hotel Comercio, xacando sede familiar, céntrase en particular o periplo na súa fecunda adicación ao periodismo, ao considerar que o seu itinerario xornalístico se inicia en Entremurallas, porque aí xermolaron os seus primeiros artigos, e aí remata coa publicación na prensa dos referidos relatos. Emporiso, réndese visita tamén a outras facetas que atinxen o seu labor de xurista, docente, sociólogo
As páxinas invitan a camiñar devagar pola súa infancia, a xuventude, a vida de estudante, as inquedanzas, o espertar ao periodismo e a intensa actividade despregada en distintos eidos do coñecemento, producida sempre dende unha perspectiva firme e perseverante a prol da defensa e enxalzamento da cultura galega. Recóllese, así mesmo, ese concepto particular de idea, de como pode xurdir algo a partir dunha idea, esa idea persistente explicada e nomeada tantas veces por Baldomero. Como fin último perséguese achegar un grao de area máis na lembranza da figura e a traxectoria humana e profesional de Baldomero Cores para incentivar a investigación arredor da personaxe e manter viva a chama do seu legado.