Esta edición crítica de Cantares gallegos realizada por Andrés Pociña e Aurora López fundaméntase nun estudo pormenorizado e comparativo das vinteoito edicións realizadas anteriormente, das que é a segunda delas a que se toma de base para a fixación e reconstrución do texto definitivo. O aparato crítico elaborado para esta edición tenta clarexar tódalas dúbidas e erros textuais de distinta orixe seguindo criterios ecdóticos amplamente explicados na introdución que acompaña o texto, na que ademais se sitúa Cantares gallegos no contexto da obra e da vida da poeta; amais do poemario completo inclúese un glosario aparecido na segunda edición e un apéndice cos poemas engadidos na terceira.