Coa súa habitual destreza de narrador, Darío Xohán Cabana ofrécenos nestas Vidas senlleiras cinco magníficos relatos que reconstrúen a vida singular de cinco personaxes, cinco heroes solitarios e epopeicos marcados por unha desmesurada vocación ou por un irrefreable destino. Un militante comunista que foxe da barbarie franquista; un Rubén transformado en Robinsón de auga doce; unha muller mariñeira con catro fillos, viúva da Guerra Civil, que se defende a tiros... son algúns dos inesquecibles personaxes deste libro, individuos empuxados por unha forza descoñecida que defenden o seu propio orgullo no medio dunha natureza implacable.
Con arrecendos á literatura de Álvaro Cunqueiro e de Italo Calvino, Darío Xohán Cabana parte da tradición oral para tecer estes relatos nostálxicos onde o realismo e a fantasía estreitan as súas mans case imperceptiblemente, creando mundos dunha maxia engaiolante e poderosa.
III PREMIO CIDADE DE LUGO