O Santa Lilaina, un clíper portugués de feitoría americana, navegaba de bolina con tódalas velas inchadas como se estivesen preñadas do vento alisio. Procedía de Lisboa e levaba á Habana mercadorías e pasaxe. Na ponte de mando, ó socaire dun pendello de lona, dous homes falan moi preto do temoneiro, que mantiña o rumbo coa roda do leme amarrada, marcando a liña que lle mandaba a bitácora. Dous homes que adaptaran o ritmo das súas vidas ó propio do mar e da navegación de vela, que non se guía máis que polos fenómenos da natureza. Un, a quen unha cicatriz lle partía a cara e o deixaba convertido en cíclope dun só ollo, é o capitán, o portugués Nuno de Alencastre. O outro, que confesa ter sido cociñeiro de buques corsarios, filibusteiros e negreiros, é un fillo das terras de Soutomaior, Amaro Piñeiro, o Padiola, o creador e divulgador de moitos pratos que hoxe se coñecen no Caribe e noutras terras como comida popular
?Caldo de mares para homes libres? de J. A. Xesteira é unha novela de intenso alento narrativo, onde se mestura sabiamente a aventura, a gastronomía eas peripecias dun tempo que pasou, aquel no que algúns homes navegaban nun mar libre, en pé de igualdade cos demais homes libres, en loita aberta con quen intentara poñerlles muros no mar. Unha importante novela galega do mar, impregnada de sabor tropical e cosmopolita, que recupera a esquecida memoria dos irmáns da costa que navegaron baixo a bandeira negra da liberdade.