"Guía dos curros de Galicia", é a primeira obra bibliográfica destinada a dar a coñecer e divulgar o fenómeno dos curros, un dos acontecementos sociais máis definitorios da nosa tradición. Preparada por dous especialistas, o veterinario Herminio Pose Nieto e o fotógrafo Eduardo Castro, iníciase cun breve percorrido histórico sobre a tradición da cría de cabalos ceibes en Galicia, para logo introducirnos integramente no suceder dos curros. Analízase a historia e orixe do Cabalo de Pura Raza Galega, esquecido durante moitísimos anos e que actualmente se atopa en perigo de extinción. Ofrécense algúns consellos prácticos á hora de visitar os curros. Descríbense os vinteún curros, presentados por provincias, que se celebran ao longo do ano en Galicia. Para cada curro ou rapa detállase o seu calendario e horarios, a súa situación xeográfica, os accesos, os servicios que nos podemos atopar, a historia do curro, o tipo de construcción e o desenvolvemento das tarefas durante a súa celebración. Unha detallada información textual, acompañada de mapas e fotografías sobre a ubicación e o desenvolvemento da rapa.
A presente guía categoriza e puntúa cada un dos curros de Galicia en función dos seguintes criterios: a tradición histórica da cría de calos en liberdade na zona de celebración do curro, o manexo dos animais, a non inclusión doutras actividades complementarias ao curro para darlle atractivo turístico, o respecto aos animais e a ausencia de violencia e malos tratos, as instalacións do curro (historia, forma, materiais, reformas, etc.), o emprego de cabalos do país nas prácticas habituais de manexo do gando e a presencia de Cabalos de Pura Raza Galega inscritos entre os acurrados.
É, pois, unha completísima e única guía que, mesturando información práctica e turística, pretende destacar tamén as raigames socioculturais destes acontecementos, ademais dos costumes de manexo do gando cabalar nas distintas comarcas e as diferentes tipoloxías das construccións dos curros.